Premio Coñece o teu concello

Estamos de noraboa coa nosa alumna de 5º, Xiana Leis, que acadou un accésit na categoría de redacción do concurso Coñece o teu concello, da Voz de Galicia. Felicidades Xiana! A continuación podedes ler a súa redacción.

 

Chámome Pedra e levo moitos anos vivindo na améndoa de Santiago, e digo améndoa porque non estou sempre na mesma rúa.

O primeiro lugar no que estiven foi nunha praza que tiña unha fonte no medio, nesta había unha estatua. Aquí estiven un verán enteiro. Pasaban milleiros de peregrinos cada día que se dirixían cara á Catedral. Esta tiña que estar preto porque se escoitaban os sons dunhas campás. Eu non sabía como se chamaba a praza na que estaba, pero unha mañá escoiteille a unha mestra como lle explicaba a un grupo de nenos que a estatua era de Miguel de Cervantes, de aí o nome de Praza de Cervantes.

Un día unha nena confundiume coa súa pelota e levoume ata un mercado onde a xente mercaba e vendía todo tipo de alimentos frescos. Aquí só había movemento polas mañás, as tardes eran moi aburridas porque o mercado pechaba. Neste lugar estiven pouco tempo e grazas a un comerciante que vendía verduras marchei da Praza de Abastos no medio dunha caixa de patacas e fun parar á Rúa do Vilar, onde pasei un inverno enteiro, xa que ó longo da mesma hai uns soportais que fan moi fermosa esta rúa e ao mesmo tempo serven para protexer da chuvia á xente que por ela pasea. É unha das máis antigas desta cidade, onde se atopa o Pazo de Vaamonde, que era un pazo urbano da alta sociedade dos séculos XIX e XX. Hai outro edificio, chamado a Casa do Deán, que ten unha entrada de pedra moi traballada e garda a cuncha do peregrino, onde os peregrinos recollían a compostela. Dende aquí tódalas noites miro a fermosura da torre da Berenguela iluminada. Que sorte teño de estar en Compostela!

Xiana Leis Tuñas. 10 años. 5º de Primaria. Colegio Vilas Alborada. Santiago.